Lingüística Galega a contribución do Instituto da Lingua Galega  | LaborHistórico | 2017

No curso da súa estadía como investigador no Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o profesor Leonardo Marcotulio propuxo ás persoas que asinan este limiar coordinar unha sección monográfica – un dossiê – da revista dixital LaborHistórico sobre a traxectoria do dito Instituto, enfocado cara á súa achega ao desenvolvemento da Lingüística Galega actual. O propósito era dar a coñecer o labor do ILG e os avances no coñecemento científico da lingua galega ao público académico brasileiro, e en xeral nos ámbitos de expresión portuguesa. Despois de deliberar entre nós e cos nosos colegas do Instituto, nomeadamente co seu director, Ernesto X. González Seoane, sobre a proposta do profesor Marcotulio, que unanimemente consideramos moi xenerosa e oportuna e merecente da nosa máis profunda gratitude, decidimos re-propoñerlle abrir o foco: parecíanos preferible presentar o contributo do ILG como parte dunha visión panorámica máis ampla dos avances da Lingüística Galega nas últimas décadas, salientando o papel que xogara o noso Instituto en cada un dos ámbitos considerados, e dedicando un artigo específico ao propio ILG. O Editor-Chefe de LaborHistórico acolleu positivamente a reorientación que propuñamos e puxémonos a elaborar un esquema de traballo.

A partir das liñas de pescuda que se contemplan no espazo web oficial do ILG (http://ilg.usc.gal/) e da nosa propia percepción, como investigadores, de cales foron os ámbitos da Lingüística que máis se desenvolveron en Galicia en relación co idioma galego, decidimos encargar traballos específicos sobre as seguintes áreas: Sociolingüística, Dialectoloxía e Xeografía Lingüística, Edición de Textos, Fonética e Fonoloxía, Gramática, Historia da Lingua e Lexicografía. A partir de aí, solicitamos a colaboración dos e das colegas do ILG especialistas en cada unha das áreas. A resposta que obtivemos foi inmediata e entusiasta, o que queremos agradecer encarecidamente desde estas páxinas. Algúns dos colegas que inicialmente manifestaron a súa intención de colaborar víronse imposibilitados para facelo, pero isto non impediu que completaramos o programa previsto. Como resultado, na nómina de autores do dossiê que presentamos figura unha nómina moi representativa do corpo principal de investigadores e investigadoras do ILG, mesmo que por unhas ou outras razóns quedaran fóra colegas igualmente acreditados. Por parte, temos a satisfacción de contar coas valiosas colaboracións no mesmo volume (próximo número) – que se publican fóra do dossiê por motivos estritamente editoriais – dos prezados colegas e colaboradores do ILG, Anik Nandi (Queen’s University / Belfast) e Xoán Lagares (Universidade Federal Fluminense/ Niterói), que completan magnificamente os seus contidos. Leia Mais