Cabalgando nas ondas do Atlántico. Estudos sobre léxico galego e português | LaborHistórico | 2019

A Suzana Cardoso, amante da diversidade. Amiga e mestra inesquecible, sempre no noso corazón e na nosa memoria.

Este volume recolle un ramallete de traballos sobre a variación léxica no espazo galegoportugués, desde distintas perspectivas de estudo e con olladas lanzadas desde Galicia e Portugal, en Europa, e desde O Brasil, na América, cunha paradiña, en tránsito, desde o arquipélago das Canarias. Por iso o seu primeiro título, que lembra a galegos e portugueses incitados por igual a sucar os mares do mundo, e en particular este océano que nos une co Brasil, en permanente viaxe de ida e volta. E por iso, tamén, a dedicatoria a Suzana Cardoso, mestra inesquecible, sempre cos brazos abertos e as dúas mans tendidas, en sinal perpetuo de irmandade.

Non pretende este volume trazar un estado da arte nos estudos de variación léxica neste amplo espazo lingüístico nin moito menos sintetizar os aspectos máis salientables daqueles que merecen ou deberan merecer a atención dos especialistas. Foi concibido, máis ben, con outra dobre intención, máis modesta pero ao noso xuízo igualmente importante: dun lado, mostrarmos o vizo e variedade alcanzados por esta liña de estudo no amplo espazo das ciencias do léxico dentro do noso ámbito lingüístico; doutro, mostrarmos e reafirmarmos un espazo de encontro entre especialistas de aquén e alén mar, na certeza de que os nosos estudos do léxico –sexan a propósito da lingua galega sexan sobre a lingua portuguesa– só alcanzarán o seu máximo nivel contemplando a rica variación no conxunto deste bloque lingüístico. A ninguén se lle escapa, con todo, que no volume que ofrecemos non están representadas amplas áreas de expansión da lingua portuguesa: outras ocasións haberá! Leia Mais